Sunday 05 de May de 2024

A Xunta realiza hoxe probas de sirenas de aviso á poboación en 33 presas galegas


― A proba comezou ás 9,00 da mañá nas presas de San Cosmade e Salas, e prolongarase ata ás 16,30 da tarde sen que afecte á actividade diaria dos veciños

― Co exercicio preténdese que garantir a súa operatividade e que a poboación destas zonas recoñeza o seu son

A Xunta de Galicia ten previsto realizar hoxe unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas ás presas con Plan de Emerxencia. Son probas que non afectan á actividade diaria dos veciños, pero que nalgunhas zonas poden ser audibles. Con esta revisión en 33 presas galegas preténdese garantir a súa operatividade e que a poboación das zonas augas abaixo recoñeza o son.

O exercicio comezou ás 9,00 da mañá nas presas de San Cosmade e Salas, e prolongarase ata ás 16,30 da tarde e levase a cabo coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Augas de Galicia, Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy, e pretende, por unha parte, garantir a operatividade dos sistemas e, por outra, que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da sirena de aviso de evacuación.
En Galicia, actualmente hai 45 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.
Tamén se farán sonar as sirenas adscritas ao depósito de residuos mineiros en Xove, co mesmos obxectivos previstos.
Aposta pola prevención
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, melloran a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, garanten a seguridade na zona, e manteñen á poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.